Grupo de Innovación Docente

 

Descrición

O fomento da aprendizaxe autónoma, independente e autorregulado é un dos piares fundamentais do proceso de ensino-aprendizaxe no Espazo Europeo de Educación Superior. Considerando que as novas tecnoloxías son de gran atractivo para os estudantes, os membros do grupo pretenden aproveitalas para facilitar o proceso de ensino e para dar a coñecer á sociedade o traballo realizado polos alumnos nas diferentes materias que se imparten por medio de infografías.

Preténdese utilizar as redes sociais Facebook, Instagram e Twitter en materias impartidas no Grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.

O alumando traballará de forma independente (con supervisión dun profesor/a colaborador, co que manterán titorías de forma periódica) nun tema de actualidade relacionado coa materia, sobre o que elaborarán infografías para a súa difusión a través das redes sociais.

A actividade proposta, ademais de fomentar a aprendizaxe activa e o uso das TIC en docencia universitaria, axudará a difundir á sociedade coñecementos científicos usando unha linguaxe coloquial, servindo como unha ferramenta de ensino-servizo e reforzando a adquisición de competencias de comunicación entre os alumnos.

 

Coordinador/a

Sidonia Martínez Suárez

988 387 080 | sidonia@uvigo.es

Páxina web

Web do GID

 

Obxectivos

  • Promover o pensamento crítico do alumnado, e o desenvolvemento de ideas propias a partir de conceptos teóricos.
  • Fomentar entre o alumnado a procura de aplicación práctica a partir dos conceptos teóricos.
  • Conseguir que os/as estudantes aprendan a transmitir ideas de forma esquemática e mellorar as súas habilidades de comunicación.
  • Integrar o uso das redes sociais na aula.
  • Mellorar o grao de motivación e a participación na aula.
  • Divulgar información sobre temas de actualidade no ámbito da Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, con rigor científico.

 

Resultados

  • Aplicación da rede social na aula: Crear contas nas redes sociais que servirán para publicar as infografías creadas polos alumnos/as durante o curso.
  • Cada alumno/a traballará de forma independente nun tema de actualidade relacionado coa materia implicada (con supervisión dun profesor). Poñeranse en común na aula as infografías creadas e as infografías que mellor transmitan os conceptos serán seleccionadas para ser subidas polo profesor/a ás redes.
  • Plan de seguemento dos estudantes. Terase en conta a calidade científica das infografías, así como dos materiais de apoio. Avaliarase o grao de participación dos/as estudantes nas titorías e na posta en común das infografías e analizarase o número total de infografías creadas así como o feedback recibido dos usuarios/as das redes sociais.

Participantes

  • Francisco Javier Carballo García.
  • José Manuel Lorenzo Rodríguez.