Busca ofrecer unha “formación multidisciplinar” adaptada ás necesidades do sector
Formar profesionais nas áreas fundamentais da industria musical, dende unha perspectiva multidisciplinar, que englobe a comunicación audiovisual, o márketing, a publicidade, a lexislación, a xestión técnica e o emprendemento empresarial. Ese é o obxectivo do Curso de Especialista en Industria Musical que o vindeiro curso porá en marcha a Facultade de Comunicación no campus de Pontevedra, no marco da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP) da Universidade de Vigo. “A día de hoxe, non existe ningún tipo de formación deste tipo en Galicia”, sinala a decana, Emma Torres, que na tarde deste mércores presentaba este curso de posgrao, xunto ao seu coordinador profesional, o produtor Javier Abreu, na sede da Deputación Provincial en Vigo, no marco dunha xornada do programa Descúbreas.
“O curso foi proposto polo propio sector”, sinala Torres, que destaca a “importancia crucial” desta industria para Galicia e a súa necesidade de “persoal especializado, tanto desde a perspectiva da produción como da comunicación e o márketing”. Partindo desa demanda, este curso de 30 créditos ETCS, teóricos e prácticos, busca achegar, explica, unha “formación multidisciplinar, con énfase na comunicación e o márketing en sentido amplo, dende a xestión de ideas ata a promoción, pasando pola propia organización de eventos”.
