A formación está destinada a persoas traballadoras de entre 25 a 64 anos
Representantes de empresas instaladas nos parques e polígonos da Zona Franca de Vigo coñeceron este martes o plan de desenvolvemento de microcredenciais universitarias da UVigo, que con financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, permitirá desenvolver formacións de curta duración, demandadas pola sociedade e o mercado laboral, para axudar á recualificación profesional de traballadores e traballadoras de entre 25 e 64 anos.
Logo de reunirse con representantes das confederacións de empresarios de Pontevedra e Ourense; do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo; xerencias de hospitais, fundacións e asociacións, o reitor e o vicerreitor de Titulacións de Innovación Docente, Manuel Reigosa e Alfonso Lago e o director do Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo, Fernando Cerdeira, debullaron hoxe ante representantes empresariais da comarca de Vigo cuestións como que é unha microcredencial, como se financian, cales son os requisitos das actuacións financiables, que gastos son elixibles e cales non e cal é o procedemento de solicitude, prazos, resolución e xustificación das actuacións.

