Algo máis dun cento de profesoras e profesores de educación superior de toda a comunidade galega participaron este xoves no edificio Ernestina Otero do campus de Vigo na terceira Xornada Galega Interuniversitaria de Innovación Docente, un encontro coorganizado polas universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, co obxectivo de pór en común experiencias innovadoras e tecer redes de colaboración para futuros proxectos.
Déronlles a benvida, no paraninfo do edificio Ernestina Otero, a secretaria xeral, María José Bravo Bosch, que asistiu en nomo do reitor e o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Manuel Reigosa e Alfonso Lago, que neses intres asistían en Compostela ao Consello de Docencia Clínica no que se ratificou o acordo para a descentralización de Medicina, pero que enviaron palabras de agradecemento “ao traballo que todas e todos realizades no ámbito da innovación docente”, tal e como indicou Bravo Bosch. Ao seu carón o director do Centro de Posgrao e Formación Permanente da Uvigo, Fernando Cerdeira, e o profesor da Universidade da Coruña, José Antonio García, director do Cufie, Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa.
