Con inscrición aberta, arrancarán en outubro nos campus de Ourense e Vigo
A finais de agosto fíxose público que Vigo era unha das 16 universidades españolas beneficiarias das axudas que concedía o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, con cargo a fondos europeos, para impartir formación en materia de dixitalización e sustentabilidade no ámbito do transporte e a mobilidade. Repartíronse en total 9,9 millóns de euros, dos que a institución académica viguesa conseguiu 1,1 millóns, o que supón preto do 10% do orzamento total da convocatoria, un “éxito moi salientable”, tal e como explicou o reitor Manuel Reigosa nunha rolda de prensa, celebrada este xoves no edificio Redeiras, na que estivo acompañado polo vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, e o vicerreitor do campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo, e que contou tamén coa asistencia dos coordinadores dos cursos e dos responsables dos centros implicados.
A resolución das axudas asignou á UVigo un total de 1.081.050 euros para organizar 21 accións formativas “que encaixan perfectamente no que queremos facer, así como no paradigma da Declaración de Lisboa e tamén de Boloña, onde o grao de desenvolvemento xa é total en grao, mestrado e doutoramento, pero onde aínda queda moito por avanzar en todo o que se refire á formación permanente ao longo da vida, tanto para os nosos egresados como para o conxunto da poboación”, salientou o reitor, quen fixo fincapé na importancia de estar “moi atentos” aos ventos que chegan de Europa e que, “falan precisamente diso, de formación continúa e de partillar o coñecemento”. Reigosa relacionou tamén este éxito coa capacidade que teñen as diferentes escolas e facultades e o seu profesorado en cousas que están directamente vinculadas co avance da sociedade europea no seu conxunto, entre elas a dixitalización, e todo aquilo que ten que ver co transporte, a loxística e a mobilidade. “Non hai máis que celebrar esta consecución e que sexamos quen de axudar a formar unha sociedade máis competitiva e tamén máis próspera”, recalcou o reitor.
