Foi ofrecida polo especialista neste tema Roberto Valente
A Escola Superior de Enxeñería Informática e o Programa de Maiores do campus de Ourense organizaron conxuntamente este mércores pola tarde a conferencia Enxeñería social e ciberseguridade para adultos. O acto estivo especialmente orientado a achegar contidos básicos neste eido ao colectivo de persoas maiores de 55 anos pero tamén ao publico en xeral interesado. A sesión correu a cargo Roberto Valente, titulado en Enxeñería Informática nesta escola e especialista en ciberseguridade do Ministerio do Interior. Cun carácter ameno e divulgativo, o experto introduciu ao público asistente en aspectos referidos á súa protección e dos seus datos no mundo dixital e a través dos dispositivos electrónicos. A conferencia xurdiu como unha ponte entre as necesidades formativas e intereses do alumnado do Programa de Maiores do campus de Ourense e as liñas de traballo da Escola Superior de Enxeñería Informática. O feito de dirixir esta actividade concretamente a persoas de máis idade fíxose tendo en conta a organización que este colectivo soe ter máis dificultades á hora de afrontar, con garantías, a súa relación co mundo dixital, que na actualidade abrangue todo tipo de aspectos da vida cotiá, desde as relacións persoais ata as económicas.
Nova convocatoria de bolsas Santander Open Academy
Nova edición da Xornada Interuniversitaria de Innovación Docente, XIGAID
