Na actualidade cada país conta co seu propio modelo de xestión
Os profundos cambios experimentados polo mercado laboral nos últimos anos, vinculados sobre todo ao despegue da dixitalización, requiren dunha constante actualización das competencias profesionais e, neste contexto, foi no que xurdiron as microcredenciais, cursos breves pensados para resolver o reto da capacitación rápida para todo tipo de perfís impartidos por universidades e outras institucións en distintas modalidades. De momento, cada país europeo organizou o seu propio sistema, pero a idea é camiñar cara a creación dun futuro modelo europeo de microcredenciais, algo para o que xa se puxo en marcha un consorcio internacional liderado desde a Universidade de Vigo e financiado polo Servizo Español Para a Internacionalización da Educación, SEPIE, con 400.000 euros, no marco do programa Erasmus+.
Baixo a denominación Enhancing Professional Development for Higher Education Staff through Micro-Credentials, MicroHEI, a coordinación do proxecto corre a cargo do docente Fernando Cerdeira, director do Centro de Posgrao e Formación Permanente, en colaboración coa Área de Educación da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo. Cóntase como socios coa Univerza V Mariboru, de Eslovenia; a Zilinska Univerzita V Ziline, de Eslovaquia; a Universidade do Porto, de Portugal; a European University Foundation – Campus Europae (EUF), de Luxemburgo, e a Latvijas Universitate, de Letonia. Todas estas institucións configuran un consorcio internacional centrado na mellora da formación continua e a acreditación de competencias do persoal universitario no ámbito da educación superior a través do uso das microcredenciais.
