Outros 26 alumnos e alumnas remataron o curso semestral
Durante os últimos nove meses na UVigo uns 150 estudantes, chegados dunha decena de países, melloraron as súas competencias lingüísticas en español ao tempo que se integraban académica, social e culturalmente. Deses alumnos e alumnas, 117 procedentes de países como Exipto, Filipinas, Palestina, Indonesia, Irán, Siria, Túnez e Turquía graduáronse este venres como estudantes do curso anual de LCA, Diploma de Formación Universitaria Lingua, cultura e adaptación á universidade, que por vez primeira impartiu a UVigo como título propio, incorporado á oferta formativa do Centro de Posgrao e Formación Permanente. Un acto de graduación, celebrado este mediodía no salón de actos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, no que tamén participaron 26 estudantes do curso semestral de LCA de Exipto, Indonesia, Irán, Siria e Turquía e que a vicerreitora de Estudantado e Vida Universitaria, Dolores González, destacou “ recoñece o traballo, esforzo e compromiso do alumnado”.
A vicerreitora, que lembrou o inicio desta iniciativa hai nove anos agradeceu a confianza do estudantado a quen dixo “que esta universidade seguirá sendo sempre a vosa casa. As portas a UVigo quedan abertas para vós. Oxalá esta experiencia fose só o comezo dunha relación máis longa coa nosa institución e anímovos a considerar a posibilidade de quedarvos con nós para cursar algún dos nosos títulos de grao ou de mestrado”.
