Autonomía funcional en persoas maiores de 3 anos: determinación do grao de dependencia e valoración de elementos contextuais

Microcredenciales

Ámbito: Ciencias sociais, traballo social, relacións laborais e recursos humanos, socioloxía, ciencia política e relacións internacionaisCódigo: TCS:1261/1
Área de interese principal: Ciencias da saúde | Área de interese secundaria: Xurídico Social

Inicio e fin

26/02/2026 – 27/03/2026

Modalidade

Presencial

Créditos ECTS

4.0 ECTS

Estado

Finalizado

25 prazas

 

Descrición

O fenómeno da dependencia representa un dos principais retos sociosanitarios das sociedades contemporáneas, especialmente no contexto europeo, marcado polo progresivo envellecemento da poboación e o aumento da prevalencia de enfermidades crónicas e discapacidades. A Organización Mundial da Saúde (OMS) define a dependencia como a necesidade de axuda importante ou total para realizar actividades básicas da vida diaria (OMS, 2001), e estima que máis de 135 millóns de persoas en Europa viven con algún tipo de discapacidade. En España, segundo a Enquisa de Discapacidade, Autonomía Persoal e Situacións de Dependencia (INE, 2020), arredor de 4,38 millóns de persoas presentan algunha discapacidade, e máis de 1,3 millóns teñen recoñecida unha situación de dependencia conforme á Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia. En Galicia, esta realidade é especialmente preocupante debido ao marcado envellecemento demográfico: máis do 25 % da poboación supera os 65 anos, o que incrementa notablemente a demanda de servizos vinculados á atención á dependencia.

Neste contexto, a Lei 39/2006 establece un marco normativo pioneiro no recoñecemento de dereitos subxectivos de cidadanía no eido dos servizos sociais. Esta lei introduce un sistema público de protección que require de profesionais debidamente formados para garantir unha valoración técnica, obxectiva e multidimensional das situacións de dependencia, que sirva de base para a asignación de prestacións e servizos axeitados. O enfoque contemporáneo da dependencia e da discapacidade evolucionou desde modelos médicos e asistencialistas cara a enfoques biopsicosociais, tal e como reflicte a Clasificación Internacional do Funcionamento, da Discapacidade e da Saúde (CIF) da OMS (2001), que concibe a discapacidade como unha interacción dinámica entre as condicións de saúde da persoa e os factores contextuaisambientais e persoais. Este modelo pon en valor a importancia de analizar non só as limitacións funcionais, senón tamén as barreiras sociais, culturais e atitudinais que condicionan a participación plena das persoas na sociedade.

Así, esta microcredencial universitaria xustifícase pola necesidade de formar profesionais altamente cualificados na valoración integral das situacións de dependencia, desde unha perspectiva ética, técnica e baseada no enfoque de dereitos. O curso está dirixido a profesionais do ámbito social e sanitario (Traballo Social, Enfermaría, Terapia Ocupacional, Psicoloxía, entre outros), e será impartido por profesorado especializado en Traballo Social e Servizos Sociais, área clave no deseño e xestión das políticas públicas de atención á dependencia; así como por profesionais con experiencia no ámbito da valoración e da detección de necesidades de apoio para a vida independente. A formación proposta alíñase cos principios da Lei 39/2006 e cos estándares internacionais nesta materia, e contribuirá a mellorar a calidade dos procesos de valoración e a axeitada resposta institucional ás necesidades reais das persoas en situación de dependencia. Así mesmo, promove unha comprensión crítica dos factores contextuais e estruturais que inflúen na autonomía persoal, sentando as bases para unha práctica profesional informada, humanizada e transformadora.

 

Director/a:

Rubén González Rodríguez

Teléfono contacto:

986130304

Email contacto:

rubgonzalez@uvigo.gal

Entidade organizadora:

Centro de Posgrado y Formación Permanente

PERÍODO DE INSCRICIÓN
Inscrición pechada
12/01/2026 – 06/02/2026


PERÍODO DE MATRÍCULA
Matrícula pechada
09/02/2026 – 23/02/2026

Matrícula pechada

 

 

Modalidade

Docencia presencial/virtual

40 horas

Docencia non presencial

0 horas

Prácticas en empresa

0 horas

Lugar de impartición
Facultade de Educación e Traballo Social, campus de Ourense. Seminario 3 do Pavillón 1 e plataforma de teleformación Moovi

 

Horario

Xoves e venres de 16:00 a 20:00 horas

 

 

Prezos

Público en xeral Alumni UVigo Comunidade UVigo
376 € 338.4 € 319.6 €

Observacións aos prezos

Prezo subvencionado: 112,80 euros (*)

*Esta microcredencial enmárcase dentro do “Plan de desenvolvemento de microcredenciais universitarias” e contará cunha financiación do 70% para idades entre 25 e 64 anos. O alumnado pagará un 30% do prezo que lle corresponda. 
Subvención recibida da Xunta de Galicia segundo o convenio de colaboración asinado o pasado 2 de maio entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación profesional e as universidades galegas. Fondos do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU

As persoas en situación de desemprego ou discapacidade recoñecida poderán solicitar o prezo reducido da comunidade universitaria no momento da matrícula.

 

Obxectivos

  • Comprender os fundamentos teóricos e conceptuais que sustentan o estudo das situacións de dependencia en persoas maiores de 3 anos, identificando os modelos, marcos normativos e enfoques interdisciplinarios que orientan a atención e valoración da autonomía funcional
  • Analizar e avaliar as necesidades de apoio das persoas maiores de 3 anos ó longo do seu ciclo vital, considerando os factores biolóxicos, psicolóxicos, sociais e contextuais que inflúen na súa autonomía funcional e na súa calidade de vida.
  • Identificar e valorar as fortalezas e os factores de risco asociados ás situacións de dependencia, co fin de promover estratexias preventivas, compensatorias e de intervención axustadas ás circunstancias individuais e contextuais de cada persoa.
  • Integrar e aplicar coñecementos baseados na evidencia científica, investigacións recentes e outras fontes bibliográficas pertinentes para fundamentar de xeito crítico a práctica profesional na valoración e atención á dependencia.
  • Desenvolver a capacidade de análise crítico e de reflexión ética mediante a discusión de casos e situacións reais, favorecendo a toma de decisións fundamentadas, respectuosas e adaptadas ás necesidades das persoas en situación de dependencia.

 

Destinatarios

Titulacións de orixe preferentes (diplomaturas, licenciaturas ou grao universitario): Traballo Social, Terapia Ocupacional, Fisioterapia, Enfermaría, Psicoloxía e Medicina. No caso de existir prazas dispoñibles, poderase realizar o curso por parte doutras persoas con outras titulacións, por exemplo Educación Social, sempre que acrediten experiencia profesional no ámbito sociosanitario. Todo isto de acordo coas recomendacións recollidas na Resolución de 4 de febreiro de 2010 (https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-2010-4162) Requirimentos de acceso a títulos modulares (microcredencial): solicitantes que, no acceso, teñan unha idade comprendida entre os 25 e os 64 anos.

 

Saídas Profesionais

A persoa egresada deste título será unha profesional capacitada para intervir con rigor técnico, sensibilidade ética e perspectiva de dereitos no ámbito da valoración das situacións de dependencia, conforme aos principios establecidos na Lei 39/2006, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia. Contará cunha formación especializada e interdisciplinar, que integra coñecementos do ámbito social e sanitario, e que lle permite realizar valoracións obxectivas, personalizadas e multidimensionais, baseadas nos criterios establecidos polos sistemas públicos de protección social, así como no enfoque biopsicosocial proposto pola Clasificación Internacional do Funcionamento, da Discapacidade e da Saúde (CIF) da OMS. Será quen de identificar e analizar os factores contextuais (persoais e ambientais) que inciden na situación de dependencia dunha persoa, recoñecendo a diversidade, a singularidade de cada caso e a necesidade de adaptar a intervención a cada realidade concreta.

Así mesmo, a persoa egresada poderá:

  • Aplicar de forma competente os instrumentos e protocolos técnicos de valoración da dependencia.
  • Colaborar de maneira efectiva con equipos interdisciplinares no deseño, seguimento e avaliación de plans individualizados de atención.
  • Incorporar á súa práctica profesional unha mirada crítica, reflexiva e fundamentada nos principios éticos do Traballo Social e das profesións do ámbito sociosanitario.
  • Contribuír á mellora continua dos servizos sociais e sanitarios mediante unha intervención centrada na persoa, orientada á promoción da autonomía, a equidade e a xustiza social.

Este perfil correspóndese cunha profesional comprometida coa calidade de vida das persoas en situación de dependencia, dotada de competencias que responden ás necesidades reais do contorno social e con capacidade para afrontar os desafíos emerxentes no marco do envellecemento poboacional, da discapacidade e da transformación dos sistemas de atención.

 

Idioma

Galego 100%

 

Competencias Específicas

CE1 Aplicar un marco teórico que posibilite comprender as cuestións relacionadas coas situacións de dependencia de persoas maiores de 3 anos

CE2 Avaliar as diversas necesidades de apoio das persoas maiores de 3 anos para a súa autonomía funcional ao longo de todo o ciclo vital

CE3 Avaliar as fortalezas e os factores de risco asociados coas situacións de dependencia para as persoas maiores de 3 anos

CE4 Aplicar coñecementos procedentes de investigacións e outras fontes bibliográficas para informar criticamente a práctica na valoración das situacións de dependencia de persoas maiores de 3 anos

CE5 Discutir criticamente respecto a exemplos ou casos reais en procesos de valoración das situacións de dependencia de persoas maiores de 3 anos

 

Competencias Transversais

CT1 Procesar información, ideas e conceptos

CT2 Pensar de maneira crítica e innovadora

CT3 Colaborar en equipos e redes

CT4 Respectar o código ético de conduta

CT5 Facer uso de capacidades e competencias relacionadas coa saúde

 

Condicións de acceso

Documentación requerida para o acceso:

  • Documento de identificación
  • Título universitario
  • Curriculum Vitae
  • Vida laboral
  • Certificado estudios de posgrao

 

Criterios de selección

  • Título de acceso preferente  70%. Titulaciones de orixe preferentes (diplomaturas, licenciaturas o grado universitario): Traballo Social, Terapia Ocupacional, Fisioterapia, Enfermería, Psicoloxía e Medicina. En caso de existir prazas dispoñibles, poderán realizar o curso outras persoas con titulaciones distintas, por exemplo, Educación Social, sempre que acrediten experiencia profesional no ámbito sociosanitario. De acordo coas recomendacións recollidas na Resolución do 4 de febreiro de 2010
  • Formación de posgrao específica 10%
  • Experiencia laboral previa 20%

 

Materias

id nome caracter créditos
200639 Modelos de atención a las personas con discapacidad y a las personas en situación de dependencia  Obligatoria 0.8
200640 Evaluación del desempeño y de las necesidades de apoyo en personas mayores de 3 años Obligatoria 1.2
200641 Fortalezas y factores de riesgo asociados a la autonomía funcional de las personas mayores de 3 años  Obligatoria 1.2
200642 Aplicación de instrumentos de valoración estandarizados a ejemplos y casos reales Obligatoria 0.8

 

Profesorado

Rubén González Rodríguez
Profesor titular na Universidade de Vigo. Formación en Traballo Social, Terapia Ocupacional e Psicoloxía (mención en saúde). Subdirector do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT) da Universidade de Vigo, que está integrado no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur). As súas liñas de investigación prioritarias están relacionadas coa provisión e sistema de coidados, así como cos procesos de valoración das situacións de discapacidade e dependencia. Asimismo, estuda os procesos psicolóxicos e sociais que repercuten no uso de servizos sociais e de saúde.
Breogán Riobóo Lois
Doutor en Traballo Social con mención internacional e premio extraordinario de doutoramento pola Universidade de Vigo e Mestrado en formación do profesorado de educación secundaria. Actualmente, profesor na Escola Universitaria de Traballo Social, centro adscrito á Universidade de Santiago de Compostela, e membro colaborador do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT) da Universidade de Vigo, que está integrado no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur). Entre as súas liñas de investigación destacan a promoción da vida independente e da autonomía persoal das persoas con discapacidade.

Jéssica Martín
Profesional de circo, Terapeuta Ocupacional e Mestrado de formación de profesorado de educación secundaria. Vinculada dende hai 23 anos á diversidade funcional no ámbito da formación, o ocio, o deporte e a cultura. Actualmente, desenvolvendo unha Investigación-Acción-Participativa de circo inclusivo no Ateneu popular de 9 Barris, en Barcelona. Entre as metas acadadas nesta investigación está o Deseño Universal no Circo Social (DUCS), unha serie de orientacións prácticas e específicas para que o profesorado de circo incorpore nos seus proxectos, e con isto, crear espazos participativos máis inclusivos.

Ana María Rodríguez González
Doutora en Traballo Social con mención internacional pola Universidade de Vigo. Mestrado en Educación, Xénero e Igualdade pola Universidade de Santiago de Compostela e Mestrado en Dirección e Xestión de Servizos Sociais pola Universidade da Coruña. Acreditada como valoradora de dependencia a efectos da Lei 39/2006. Traballadora Social de atención primaria do SERGAS e profesora sustituta no Grao en Traballo Social da Universidade de Vigo. Membro do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT) e do grupo de investigación Calidade de Vida e Economía da Saúde QoLE do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur). Entre as súas liñas de investigación están a sobrecarga das persoas coidadoras, a dependencia e os coidados de longa duración.
Irene Mercedes Somoza Sampayo
Diplomada en Terapia Ocupacional e Licenciada en Comunicación audiovisual pola Universidade da Coruña, conta co certificado de aptitude pedagóxica. A súa actividade profesional pasada centrouse nos ámbitos da saúde. Actualmente, membro dun equipo de valoración da situación de dependencia, dependente da Consellería de Política Social e Igualdade. As súas preocupacións e liñas de investigación prioritarias céntranse na saúde e no xénero, como factor de inequidade. Colaboradora habitual na Revista TOG Galicia.

 

Avaliación

As probas de avaliación da primeira oportunidade terán lugar o 27 de marzo do 2026 de 20:00 a 21:00 horas.

A segunda oportunidade de avaliación, segundo o estipulado no artigo 28 do regulamento, terá lugar o día 10 de abril do 2026 de 16:00 a 17:00 horas.

A metodoloxía de avaliación consistirá en:

–  Estudo de casos: 80%

– Prueba obxectiva: 20%

Para obter o título será necesario asistir ao 85% das horas lectivas, así como superar todas as tarefas coa cualificación de “apto/a”.

 

Titulación

Título na microcredencial “Autonomía funcional en persoas maiores de 3 anos: determinación do grao de dependencia e valoración de elementos contextuais”