O Centro de Posgrao e Formación Permanente
A CPFP xestiona unha oferta de estudos de posgrao e titulacións propias vinculadas ás necesidades e demandas da sociedade, complementando os estudos universitarios, deseñando programas educativos que favorezan a empregabilidade, a reciclaxe e a promoción profesional das persoas traballadoras, xerando convenios de formación con empresas ou institucións externas e detectando e atendendo as necesidades formativas do estudantado e o persoal docente da UVigo.

Obxectivos
- Deseñar programas educativos que favorezan a empregabilidade, a reciclaxe, o emprendemento e a promoción profesional dos traballadores e traballadoras de acordo coas demandas sociais actuais. Estes estudos propios deben responder aos novos ámbitos de especialización con posibilidades de aplicación profesional.
- Complementar os estudos oficiais proporcionándolles ao estudantado ou ás persoas egresadas competencias ou as habilidades que non son cubertos polos devanditos estudos.
- Favorecer os convenios de colaboración educativa con outras institucións e os vínculos co sector empresarial para a formación continua dos traballadores e traballadoras.
- Favorecer a innovación educativa e deseñar programas de formación do persoal docente da Universidade de Vigo e do persoal docente externo.
- Formar as persoas maiores.
- Impulsar programas formativos que promovan a igualdade entre homes e mulleres, a protección da diversidade e a inclusión social.
- Flexibilizar o ensino permanente de acordo coas expectativas, intereses e necesidades de cada estudante.
Funcións
- Colaborar cos departamentos, cos centros, cos institutos, cos servizos ou con outros órganos da Universidade de Vigo para crear, promover e desenvolver títulos propios ou programas específicos de formación permanente.
- Analizar de forma constante as necesidades formativas da contorna social e empresarial a partir do contacto co estudantado, co persoal propio, coas persoas egresadas, cos colectivos, coas institucións ou coas empresas.
- Actuar como promotora e como centro organizador de programas de formación permanente transversais e multidisciplinares. Favorecer a relación con entidades ou con universidades externas para asinar convenios de colaboración educativa no ámbito da formación permanente.
- Difundir e publicar unha oferta formativa coordinada e actualizada. Potenciar a difusión da oferta académica nas redes sociais. Internacionalizar os servizos para captar estudantado estranxeiro no ámbito da formación permanente.
- Realizar propostas de actualización do regulamento e dos procedementos relacionados cos programas de formación permanente da Universidade de Vigo.
- Proporcionar asesoramento para a solicitude de títulos propios e para todos os trámites relacionados coa formación permanente da Universidade de Vigo. Elaborar guías de axuda para as persoas solicitantes.
- Desenvolver e actualizar a imaxe corporativa para os programas de formación permanente da Universidade de Vigo.
- Xestionar as instalacións e os recursos da Universidade de Vigo dedicados á formación permanente.
- Colaborar coa Comisión de Estudos Propios para a supervisión da calidade da formación impartida e do propio funcionamento da EAFP. Xestionar as reclamacións e as queixas relacionadas cos programas de formación permanente.
- Colaborar na elaboración dos procedementos para o recoñecemento de créditos entre titulacións propias e oficiais.
- Potenciar as metodoloxías e as ferramentas de innovación docente a través dos cursos de formación do profesorado. Favorecer os grupos de innovación docente dentro da Universidade de Vigo.
- Colaborar con outros centros de formación permanente nacionais e internacionais. Ter un papel activo nas redes nacionais e internacionais de formación continua.
- Elaborar e aprobar un informe anual das súas actividades e proporcionar a información necesaria para a súa publicación no portal de transparencia da Universidade de Vigo.
