A Universidade de Vigo premia os mellores traballos feitos en España sobre tradución de videoxogos

Repartíronse galardóns en sete categorías, incluído mellor xogo en galego

A Universidade de Vigo premiou este venres os mellores traballos feitos en España sobre tradución de videoxogos, Premios ETIV-UVigo, e fíxoo nunha gala, celebrada no edificio Redeiras e presidida polo reitor, Manuel Reigosa,  na que se quixo, por encima de todo, “pór unha primeira pedra que sirva para mellorar este sector, sexa a nivel de visibilidade ou de mellorar as condicións laborais”, tal e como explicaron os profesores Óscar Ferreiro e José Yuste, principais impulsores dunha iniciativa coa que se busca “unir a empresas de desenvolvemento, creativos, axencias, tradutores, revisores e control de calidade, entre outros moitos perfís relacionados co sector dos videoxogos”.

Xunto ao reitor e ao equipo organizador, a entrega de premios contou tamén coa participación do alcalde, Abel Caballero, que aproveitou para felicitar ao reitor pola súa recente reeleción no cargo e  aos impulsores dos premios por ser “auténticos pioneiros nas novas formas de comunicación”, salientou Caballero, que asistiu acompañado pola concelleira de Política de Benestar Social, Yolanda Aguiar. Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama,  fixo fincapé en que estes galardóns “son unha mostra máis de como a industria do videoxogo galega pode contar co saber facer académico da Universidade de Vigo á hora de exportar os seus produtos ludográficos a outras linguas e outras culturas”, un aspecto ao que tamén fixo referencia o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero.

Na honra de Manolo Ramos

Foi tamén unha gala marcada polas verbas de lembranza para o vicerreitor Manuel Ramos.  “Apoiounos desde o primeiro momento, cando decidimos pór en marcha o Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, ETIV,  e sempre estivo ao pé de canón en cada unha das catro edicións que levamos xa, animándonos a deixar alto o pavillón en cada curso académico, máxime agora que terminou de crear a Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo”, salientou Jose Yuste, quen subliñou que este acto se celebrou na súa honra”. “Esteas onde esteas, que saibas que hoxe estás con nós, en pensamento e obra, alimentando sempre os nosos pulmóns co aire da túa infatigable forza exemplar de traballo para mellorar cada ano e poder renovar así a Mención de Excelencia que nos concedeu a Xunta de Galicia a noso Máster en Tradución para a Comunicación Internacional”, recalcou Yuste. A estas palabras de agarimo cara a Ramos sumouse tamén o propio alcalde, a vicerreitora e o decano, quen salientou que “a Facultade de Filoloxía e Tradución ten unha débeda impagable con Manolo” e que, “tanto no meu papel como decano como anteriormente como director de departamento foi, sen dúbida, dos mellores xefes que tiven”.

 Ler a nova completa no DUVI