A Aprendizaxe-Servizo é una metodoloxía educativa que consiste en que o alumnado aprenda ao tempo que realiza un servizo á comunidade. Deste xeito, adquiren tanto as competencias técnicas da titulación que cursan como habilidades xenéricas que teñen que ver co compromiso ético, a responsabilidade social ou traballo en equipo. Esta metodoloxía, que trata de impulsar unha educación superior integral, comprometida coas necesidades da contorna e dirixida á consecución dos ODS da Axenda 2030, está cada vez máis estendida entre as universidades españolas e a Universidade de Vigo non é allea a esta corrente. O persoal docente está cada vez máis comprometido con este método pedagóxico avalado por diversos estudos que reflicten que contribúe a reducir o nesgo academicista dos plans de estudo, aumentando as relacións entre a teoría e a práctica e permitindo aos estudantes adquirir competencias transversais.
Para consolidar a aposta da UVigo por este tipo de formación, as vicerreitorías de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e de Organización Académica e Profesorado traballan da man a través das áreas de Responsabilidade Social e Cooperación e de Innovación Educativa. O obxectivo é institucionalizar esta metodoloxía de aprendizaxe na UVigo, que xa se vén empregado dende hai varios anos e para iso vanse poñer en marcha dúas accións. Por unha banda, lanzarase unha Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS) e impartirase un curso para axudar ao profesorado a elaborar a proposta. Paralelamente tamén se están a organizar unhas xornadas formativas.
Con estas propostas trátase de manter o compromiso ético e social da UVigo e o seu protagonismo como axente de cambio social a través da transferencia do coñecemento e de fomentar as sinerxías entre os diferentes centros e facultades arredor de proxectos ApS, impulsando a creación de grupos de traballo multidisciplinares e potenciando a participación da Universidade en redes académicas e científicas de ApS a nivel europeo.