O seu coordinador, Ignacio Armesto, destaca o “éxito” de acollida desta formación única en Galicia
O título propio en Ciberseguridade Industrial, único en Galicia, comezará a impartirse esta mesma semana e farao con todas as súas prazas cubertas. Esta acollida é cualificada como “todo un éxito” polo profesor José Ignacio Armesto, coordinador do mesmo, xunto co tamén docente Miguel Díaz-Cacho, ambos do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática. Esta será a primeira edición dunha titulación propia da Universidade de Vigo que se insire dentro da oferta académica da Escola Aberta de Formación Permanente e que nace para tender pontes entre o perfil formativo industrial e o das tecnoloxías da información e as comunicacións nun contexto de dixitalización das plantas industriais. Trátase, como explican os seus impulsores, de dar resposta ás necesidades do mercado laboral, que demanda para a Industria 4.0 profesionais cun maior nivel de cualificación tecnolóxica, como se recolle, de feito, no informe Galicia 2030: Proposta de novas titulacións para o SUG, no que se sinala o eido da ciberseguridade na contorna industrial como un dos nichos laborais de futuro que requiren dunha formación específica que ata agora non existe na comunidade autónoma.