Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, acollerá a presentación do noso programa de Especialista internacional en termalismo e spa

¿Queres especializarte en termalismo e hidroterapia? O próximo curso 2021/22 a Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal) poñen en marcha o curso de “Especialista Internacional en Termalismo e Spa”, un programa de 360 horas, con prácticas en empresa, que busca proporcionar e perfeccionar coñecementos teóricos e prácticos sobre este importante sector económico, turístico e de saúde que é o termalismo e a hidroterapia. O programa, que ocupará un lugar destacado na oferta de formación de posgrado do Campus da Auga da Universidade de Vigo, conta con importantes empresas colaboradoras, como BeOne Ourense, Fundación Neuroburgas, Balneario Baños de Molgas, Balneario de Cortegada, Termas de Outariz, Termas de Prexigueiro, Talaso Atlántico.

No marco deste sector, Ourense acolle o próximo mes de setembro, Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, que malia que este ano non se celebra en formato feria, acubilla unha serie de actividades presenciais e virtuais moi importantes para o sector, como o 2º Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, o “Workshop Internacional en Turismo de Saúde e Benestar”, a 18ª Cata Internacional de Augas, e distintos cursos de formación.

Ademais, este evento verase reforzado coa celebración de forma complementaria do IV Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida, que organiza tamén o Campus dá Auga da Universidade de Vigo, e que convocará á comunidade científica e investigadora internacional. No marco deste simposio, terá lugar a presentación do noso programa de Especialista Internacional en termalismo e spa.

O evento celebrarase os próximos 15, 16 e 17 de setembro en Expourense, co obxetivo de reunir á comunidade termal internacional, entorno á marca Termatalia e seguir posicionando a Ourense e Galicia como centro de capacitación profesional internacional en materia de termalismo.

O II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde analizará, entre outros temas, o papel do termalismo na recuperación respiratoria, músculo- esqueléticas e psíquicas, dos pacientes COVID e presentará tamén experiencias internacionais contando coa colaboración da Asociación Europea de Cidades Históricas con Patrimonio Termal (EHTTA), presidida pola Deputación Provincial de Ourense.E un ano máis celebrarase a 18ª da Cata Internacional de Augas, que xa é un referente internacional para as marcas envasadoras de auga mineral e que o sector demandaba despois da última edición celebrada en 2019.

A pandemia será inevitablemente un dos temas que abordará o congreso. Desde a organización do mesmo cren que esta situación pode converterse nunha boa oportunidade para darlle á balneología e ás augas termais o recoñecemento que merecen, pola súa influencia no fortalecemento do sistema inmune e tamén porque pode facilitar a rehabilitación daquelas persoas que xa contraesen o virus.

Se queredes coñecer o programa convidámosvos a visitar a súa páxina web https://congreso.termatalia.com/