Para as persoas con algún tipo de limitación auditiva os medios audiovisuais poden supor unha barreira infranqueable e precisan do apoio da interpretación simultánea que converta a voz nun texto lexible para eles. Ese proceso de subtitulación, tanto de español-español como de inglés-español, é no que se centra o curso de especialista en interpretación simultánea de voz a texto posto en marcha pola Facultade de Filoloxía e Tradución.
Un dos seus coordinadores, o profesor Luis Alonso Bacigalupe, destaca que se trata dunha formación especializada pensada para aquelas persoas interesadas na tradución audiovisual e a provisión de servizos de accesibilidade para persoas con limitacións auditivas. Explica que o que se coñece como refalado ou interpretación simultánea de voz a texto na modalidade intralingüísitica, é dicir, sen cambiar de lingua, vense empregando dende hai anos por empresas audiovisuais de Europa central e do norte, Reino Unido, Australia, USA ou Canada, e serve para fornecer servizos de accesibilidade nos medios de comunicación e en educación para persoas con problemas auditivos ou xordas, maiores, ou inmigrantes que poden ler os subtítulos pero non entenden o discurso oral. A achega da Universidade de Vigo neste eido, principalmente da man dos investigadores Pablo Romero e Luis Alonso Bacigalupe, foi plantexarse o reto de realizar este proceso pero cambiando de lingua, traducindo simultaneamente. “Aínda que semella o mesmo, non é en absoluto a mesma tarefa e o labor en interlingüístico implica procesos mentais novos e a necesidade, logo, de desenvolver destrezas novas. De aí xurde o noso curso”, que se desenvolverá dende finais deste mes ata xuño.
Ler a noticia completa no DUVI