Celebrouse onte luns e hoxe martes no edificio Redeiras e tamén en modalidade virtual
O Real Decreto 822/2021, que entrou en vigor no mes de outubro, establece a organización das ensinanzas universitarias e o procedemento de aseguramento da súa calidade. Pero esta nova lexislación aínda ten moitos aspectos que compre clarificar, un proceso no que as universidades españolas están implicadas xunto coa Secretaría General de Universidades. Un dos eidos nos que ten un impacto destacado este real decreto é o da formación permanente e os títulos propios e, precisamente, para avanzar na análise das súas implicacións, 120 representantes de 50 universidades de todo o Estado están a participar esta semana nunha xornada técnica da RUEPEP, a Red Universitaria de Estudios de Postgrado y Educación Permanente.
A xuntanza, organizada pola Escola Aberta de Formación Permanente da Universidade de Vigo, tiña previsto celebrarse de xeito presencial, pero o avance da sexta onda da pandemia obrigou a optar por un formato mixto, con parte dos poñentes intervindo dende o edificio Redeiras e os asistentes de xeito telemático. A finalidade desta xornada, que arrancou onte luns pola tarde, é avaliar o impacto do novo RD-822/2021. Este real decreto avanza, por unha banda, establecendo a organización e a estrutura das ensinanzas universitarias e ordenando a oferta académica oficial e a oferta doutros títulos, especificamente a referida á formación permanente e, por outra banda, fixando as directrices, condicións e procedementos de aseguramento da calidade dos plans de estudo.

