O 12 de maio celebrarase un acto de homenaxe en memoria do vicerreitor
Cando Manuel Ramos Cabrer (Lugo, 1966), logo de cursar a carreira de Enxeñería de Telecomunicación pola Universidad Politécnica de Madrid, se incorporou no ano 1991 á Universidade de Vigo “sintonizamos, desde o primeiro momento, a nivel persoal, e aínda que os dous estábamos entón ocupados coas nosas teses, xa colaboramos no desenvolvemento dalgúns contratos coa industria”. Así lembra, Juan José Pazos, director do grupo de investigación Servizos para a Sociedade da Información (GSSI), o seu primeiro contacto con Ramos, “persoalmente, o mellor enxeñeiro que coñecín”, afirma, e con quen, precisamente, en 1995, fundaría GSSI, o grupo no que o vicerreitor falecido o pasado martes desenvolveu a súa actividade investigadora. Só un ano antes, en 1994, e tamén na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Ramos comezara a colaborar en diferentes proxectos co actual director da Área de Estudos de Grao da UVigo, Alfonso Lago. “Coñecín a Manolo no berce da EET. Eran tempos onde aínda se estaba nas instalacións provisionais da Escola de Enxeñaría Industrial, e a partir dese intre traballamos conxuntamente, durante moito tempo, para poder levar a cabo proxectos de universidade”, recorda Lago, sobre Manuel Ramos, que ao longo da súa traxectoria como investigador foi autor de 54 artigos en revistas indexadas, 12 capítulos en libros e máis de 80 comunicacións en congresos de ámbito internacional, ademais de participar en 40 proxectos de investigación e preto de 50 contratos de transferencia.
Ler a nova completa no DUVI