O campus de Vigo acollerá un curso de análise e seguimento de valores en bolsa

Desde hai 18 anos, o Departamento de Economía Financeira e Contabilidade organiza no campus de Vigo un curso de introdución á bolsa que conta cunha grande aceptación. Seguindo a súa estela, póñese agora en marcha o I Curso de Análise e Seguimento de Valores Bolsistas, que aínda que se desenvolverá de xeito on-line está especialmente dirixido aos membros da comunidade universitaria do campus de Ourense, onde se agarda que se converta en presencial en vindeiras edicións, cando a pandemia o permita. O obxectivo desta formación, que se celebrará do 7 ao 16 de abril, é “potenciar tamén neste campus a formación e incrementar a cultura financeira no investimento de valores de renda variable (Ibex35, Euro Stoxx 50, Dow Jones 30, S&P 500 e resto de mercados financeiros)”.

A actividade forma parte dos cursos de formación da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo e está dirixida polos profesores do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade Julio Pombo (da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense) e José Luís Sáez Ocejo (da Escola Universitaria de Estudos Empresariais do campus de Vigo). No curso, explican os seus responsables, “tratarase con carácter introdutorio diversos aspectos relacionados coa bolsa de valores, desde o estudo básico do que é e significa a bolsa no mercado financeiro español ata o funcionamento do mercado e as principais estratexias de investimento orientadas ao estudo da análise fundamental e análise técnica (tanto con valores de renda variable como o mercado de derivados)”. Así mesmo, engaden, “ofrecerase unha visión do panorama actual do mercado financeiro, argumentando as posibles decisións de investimento futuras nos mercados bolsistas”.

Ler a noticia completa no DUVI