44 titulados e tituladas dos ciclos integrado e intensivo festexarán o remate dos seus estudos
Meses despois de ter completado os seus estudos e despois de ver como a covid-19 lles obrigaba en 2020 durante uns meses a seguir a súa formación de xeito virtual, 44 novos tituladas e tituladas dos dous ciclos do Programa Universitario de Maiores (PUM) celebrarán este venres a fin dos seus estudos. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación exerce como escenario dun acto de graduación que reúne estudantes que cursaron este programa, inserido nas iniciativas da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP), nos tres campus da UVigo. Concretamente, despois de que a pandemia impedise levar a cabo este acto o pasado ano, esta graduación reúne por unha banda á XVI e XVII promoción de titulados e tituladas universitarios sénior, aqueles que completaron o Ciclo Intensivo do PUM, unha formación deseñada especificamente para este colectivo, e, por outra, á XIV e XV promoción de titulados superiores sénior, aqueles e aquelas que realizaron o Ciclo Integrado, no que comparten materias co alumnado de diferentes graos.
En total, como explica o coordinador do PUM, José Luis González Cespón, 31 titulados e tituladas do ciclo intensivo e outros 13 do integrado recibirán os seus diplomas e as verbas de recoñecemento das autoridades académicas, nun acto programado para ás 18.00 horas. A graduación contará coas intervencións do reitor, Manuel Reigosa; o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos; o vicerreitor do campus de Pontevedra; Jorge Soto; a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini; a directora da EAFP, María José Moure, e o director xeral do Maiores da Xunta de Galicia, Fernando Gómez Abeijón. Estas catro promocións terán como padriño ao profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía Celso Cancela, que imparte docencia tanto no ciclo integrado como intensivo do PUM no campus pontevedrés. Así mesmo, como sinala González Cespón, o acto completarase “con dúas actuacións breves dos coros de alumnos e do Grupo de Música Tradicional do campus de Pontevedra”.