Tres meses de formación para o profesorado universitario novel

Formación e Innovación Educativa
Formación e Innovación Educativa. Profesorado novel

Destinado a PDI de recente incorporación

Comprender as competencias, coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver a profesión docente universitaria. Identificar as diferentes metodoloxías activas. Xerar recursos didácticos co apoio da tecnoloxía. Aplicar diferentes tipos de acción titoral. Desenvolver unha comunicación educativa eficaz. Avaliar por competencias e deseñar un recurso didáctico. Estes son os obxectivos do curso Formación do profesorado universitario novel, convocado pola Área de Formación e Innovación Educativa (Escola Aberta de Formación Permanente) da UVigo, que se desenvolverá entre o 1 de abril e o 30 de xuño e que, como confirma a directora da Escola, María José Moure, acada a súa cuarta edición para a que “se melloraron os contidos e os recursos educativos”.

Inserido dentro do Programa de Formación Permanente do PDI da UVigo para o ano 2022, o curso está dirixido ao persoal investigador con carga docente e profesorado axudante e axudante doutor de recente incorporación co obxectivo de mellorar as súas competencias docentes relacionadas coas metodoloxías, recursos didácticos tecnolóxicos, comunicación, acción titorial e avaliación de competencias. “Fanse necesarios este tipo de cursos porque o profesorado que se incorpora á universidade carece dunha formación específica en metodoloxías educativas, innovación docente ou competencias como a comunicación eficaz, que son imprescindibles para desenvolver a profesión docente”, explica Moure, que avanza que neste momento xa recibiron máis de 60 solicitudes de preinscrición, “polo que é probable que fagamos unha segunda edición este ano”.

Ata o 31 de marzo estará aberto o período de matrícula no curso, que se ofertará en modalidade virtual.

Ler a nova no DUVI.