Un taller mellorará a efectividade e a calidade do discurso do persoal docente nas aulas

Segundo os seus organizadores, a clave está na voz, no corpo e na actitude

“Empregar as emocións, un liderado motivador e a habilidade para comunicar dentro dun equipo de traballo son os piares principais para unha comunicación efectiva na aula”. Así o afirma Alfonso Rivera, un dos docentes que impartirá a partir do 30 de novembro o curso A arte de conectar. Comunicación eficaz e liderado. Este taller está dirixido ao profesorado que desexe achegarse aos principios dunha comunicación coherente e potenciar, deste xeito, as súas capacidades para conseguir acercarse máis ao seu público, o alumnado. Estas clases de carácter presencial insírense dentro do Programa de Formación Permanente do Profesorado da Universidade de Vigo e o prazo para inscribirse na plataforma Bubela remata o 25 de novembro.

O obradoiro será impartido por Belén Varela, avogada especialista en organización e dirección de persoas, e Alfonso Rivera, actor, director e pedagogo teatral con experiencia en diferentes cursos de interpretación e expresión corporal nalgunhas das máis prestixiosas universidades do Reino Unido e Turquía. Este último explica que “a capacidade de comunicación é unha das grandes claves para lograr transmitir os contidos de forma óptima e crear un ambiente de traballo san e motivador. Hoxe en día as metodoloxías de comunicación, así como do proceso ensino-aprendizaxe, evolucionaron moito e, sen dúbida, é fundamental que o profesorado siga actualizándose”.

Ler a nova completa no DUVI