Unha aposta pola formación continua e a actualización de coñecementos sobre o 5G

Coa posta en marcha do Plan Galicia 5G, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a comunidade autónoma estase a consolidar como unha rexión punteira no despregue deste novo estándar de telefonía móbil. Neste proceso, a Universidade de Vigo e en concreto a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo están a ter un papel destacado, colaborando en dar resposta aos obxectivos deste plan, que pasan por situar Galicia como rexión piloto de 5G, a posta en marcha dun nodo de cooperación rexional 5G e a creación dun plan de formación especializada. Como relata o director da EE de Telecomunicación, “respondemos á chamada da Xunta e estamos colaborando en diferentes frontes”, no que respecta á formación a través do Curso de especialista en tecnoloxías de quinta xeración, que esta semana inaugurou a súa edición, consolidándose como unha proposta punteira e das poucas que se imparten no territorio español. Ademais, a escola e o centro atlanTTic tamén colaboran neste Plan Galicia 5G “no eido da investigación, coa creación do Laboratorio de 5G e no que ten que ver coa proba das tecnoloxías a través da estación base”.

Así, a través destas tres iniciativas, a EET colabora coa Xunta para converter Galicia nunha zona preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas nesta tecnoloxía e facilitar que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesaria para proxectos piloto. “Creo que hai que valorar moi positivamente o papel da Xunta de Galicia, a través de Amtega e Retegal, impulsando e apoiando estas accións que van na liña de favorecer o despegue da tecnoloxía de quinta xeración na nosa comunidade”.

Ler a noticia completa no DUVI