As Mareas do Coñecemento da Universidade de Vigo volven percorrer Galicia co obxectivo de achegar o saber científico, artístico e tecnolóxico á poboación sénior.
Esta iniciativa consolida o compromiso da institución coa formación permanente, levando a excelencia académica máis aló dos campus e adaptando a súa oferta ás necesidades de cada comarca en Pontevedra e Ourense. Este proxecto itinerante de formación universitaria que naceu ao abeiro do Programa de Maiores da Universidade de Vigo, oferta programas específicos para cada concello das diferentes comarcas das provincias de Pontevedra e Ourense.
Nesta edición, o programa experimenta un notable incremento no número de vilas participantes ao incorporar cinco novos concellos, acadando así un total de once sedes. Os municipios que forman parte son Allariz, Barro, Cambados, Catoira, Covelo, Celanova, Lalín, Moaña, Poio, O Rosal e Soutomaior.
As actividades arrancaron precisamente o pasado 13 de abril no concello de Covelo, dando comezo a este novo ciclo formativo que busca achegar a universidade á contorna rural de Galicia.
O programa, que se desenvolve gracias ao impulso da Universidade de Vigo e conta cunha subvención da Consellería de Política Social e Igualdade, xurdiu no marco da Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores en 2018 co fin de afrontar dende o eido universitario os retos do envellecemento da poboación e acadar obxectivos comúns na aprendizaxe ao longo da vida. Deste xeito, trátase de deseñar e organizar actividades formativas e de extensión cultural destinadas ás persoas que, por motivos xeográficos ou económicos, non poden asistir aos Programas Universitarios para Maiores nas sedes oficiais dos tres campus.
Os seminarios ofertados inclúen contidos transversais sobre arte e historia que poñen o foco no patrimonio local, centrándose no patrimonio do propio concello, catedral de Ourense, casco antigo de Allariz, etc. Ademais, na maioría dos casos incorpóranse aspectos tecnolóxicos sobre a Intelixencia Artificial ou a protección fronte as estafas e timos con base tecnolóxica. Tamén se abordan cuestións económicas sobre materias fiscais e impostos, para aqueles concellos que así o pediron. Finalmente, outro gran bloque de seminarios relacionase co envellecemento saudable, con contidos sobre saúde física como a prevención das caídas, as reaccións en caso de urxencia médica, a realización de exercicio como pilates para a mellora das saúde; e contidos relacionados coa saúde mental, abordando a intelixencia emocional, o mantemento dunha mente saudable.
Co precedente do éxito de participación de anos anteriores, onde se acadaron medias de ata 35 persoas por sesión, o programa estenderase durante os meses de maio e xuño por todo o territorio previsto. O peche desta edición terá lugar en O Rosal a principios de xuño, cunha xornada final centrada nos retos e capacidades da Intelixencia Artificial.
Deste xeito, as Mareas do Coñecemento celebran oito anos de traxectoria, reafirmándose como unha ventá aberta ao saber e unha mostra do que a Universidade de Vigo pode ofertar aos maiores da súa contorna.
