Os cursos, no eido do transporte, loxística e mobilidade, están 100% subvencionados, e algúns poden cursarse en modalidade online
Grazas a unha importante financiación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, o Centro de Posgrao e Formación Permanente da Uvigo imparte ata 6 titulacións propias para a dixitalización do sector do transporte, loxística e mobilidade, que permitirá acceder á cidadanía a formación universitaria totalmente subvencionada. Unha convocatoria enmarcada no Plan de Recuperación Transformación e Resilencia e financiada polo Fondo Europeo de Recuperación – Next Generation EU.
- Innovación no modelo de negocio da nova mobilidade
- Comunicación dixital para a mobilidade
- Dixitalización do sector do transporte e loxística
- Infraestrutura de datos aplicados ao transporte
- Transformación áxil de organizacións
Gratuítos e sen requisitos de acceso
Sen necesidade da ABAU ou de formación universitaria previa, estas formacións, impartidas en castelán, están abertas a toda a cidadanía europea ou con permiso de residencia no territorio español e xa son máis de 200 persoas de dentro e fóra de Galicia as que pasaron polas aulas no curso académico 2023/2024.
Cunha duración de 15 créditos ECTS, os cursos comezan o 14 de outubro e as clases repartiranse ao longo de 4 ou 5 meses en horario de tarde varios días á semana (horario visible en cada titulación).
Comezan en outubro, en Vigo e Ourense e tamén a distancia
Os cursos impartiranse en Vigo, na Facultade de Comercio en modalidade semipresencial, e en Ourense na Escola Superior de Enxeñaría Informática, estes con opción a cursalos 100% virtual de forma síncrona, permitindo así acceder a calquera persoa independentemente da súa situación xeográfica.
A formación está enfocada ao sector do transporte e a loxística pero é aplicable a calquera sector, polo que os perfís que acceden son moi variados; persoas traballadoras, estudantado, demandantes de emprego, con ou sen experiencia; e procedentes de diferentes ámbitos; humanidades, ciencias sociais, científico técnico…
As competencias dixitais eríxense así coma un elemento fundamental para conseguir que a sociedade e as empresas españolas afronten os retos e aproveiten as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías.
Campus de Vigo
A Facultade de Comercio na cidade de Vigo impartirá a acción formativa “Innovación no modelo de negocio da nova mobilidade”. Este curso, semipresencial, é unha aproximación, dende as ciencias sociais, aos retos que expón a mobilidade do futuro prestando especial atención á cultura emprendedora, aos novos modelos de negocio e á innovación no desenvolvemento de solucións de mercado e novas propostas de marketing.
Campus de Ourense
A Escola Superior de Enxeñaría Informática acolle catro accións formativas, coa facilidade de que a o alumnado poida escoller se estar presente na aula ou ben atender ás clases de forma virtual.
O curso de “Transformación áxil das organizacións” permitirá aplicar técnicas e metodoloxías de xestión e transformación áxil nas organizacións, para mellorar a calidade do proceso e ter un mellor control do mesmo, tendo máis capacidade de predición, control de tempos e redución de custos.
En “Infraestrutura de datos aplicados ao sector do transporte”, o alumnado entenderá a arquitectura de datos e as ferramentas necesarias para a súa manipulación e explotación. Aproveitar a xestión de datos das empresas para optimizar as operacións e analizar os datos de cara a toma de decisións.
No curso “Dixitalización do sector do transporte e loxística”, atendese ás necesidades do sector que requiren dunha transformación dixital sen deixar de lado as cuestións éticas e políticas do proceso. Trataranse solucións como e-transport documents, eCMR, sistemas de etiquetaxe dixital, xestión asistida de almacén, contable e de planificación de rutas, ERPS, tacógrafo dixital, ou o intercambio electrónico de datos EDI.
E no caso de “Comunicación dixital para a mobilidade”, as persoas participantes adquirirán a capacidade de entender e aplicar as novas estratexias de comunicación para a creación de novos modelos de negocio e oportunidades. Os avances na dixitalización, como a xeolocalización, ou a inmediatez dos novos canais de comunicación permiten crear experiencias de usuario únicas e personalizadas, e medir ou rexistrar a actividade de cara a mellorar a interacción co usuario e futuras comunicacións.
As preinscricións estarán abertas ata o 10 de outubro, e é necesaria previa matriculación.